Os nacionalistas advirten do risco para os peóns polo mal estado da vía e piden que Concello e Deputación actúen con urxencia.
O BNG de Camariñas reclamou ao goberno local que solicite á Deputación da Coruña o arranxo urxente da estrada principal de Camelle, unha vía de titularidade provincial que presenta actualmente un «lamentable estado».
A petición foi formulada polo portavoz municipal nacionalista, Xurxo Rodríguez Baña, durante o pleno ordinario celebrado o pasado venres, 25 de setembro. A formación solicita que o Concello traslade a necesidade de intervir nesta estrada e que a actuación sexa incluída no vindeiro plan de obras provincial.
Desde o BNG sinalan que a deterioración da calzada é «especialmente preocupante» ao tratarse dunha zona urbana con presenza habitual de peóns. Segundo indican, o mal estado do firme xa provocou diversas incidencias, entre elas golpes e caídas de viandantes.
Pola súa banda, Rodríguez Baña reclamou a adopción de medidas de seguridade inmediatas e anunciou que o BNG tamén trasladará a demanda directamente á Deputación da Coruña para lograr a coordinación entre ambas as administracións.








