O BNG de Muxía presentou dúas mocións para o seu debate no próximo pleno municipal nas que reclama ao goberno local a instalación de paneis informativos nos núcleos rurais e un plan de mellora e mantemento da sinalización toponímica do municipio.
A portavoz municipal da formación nacionalista, Mercé Barrientos, denunciou o deterioro de numerosos indicadores dos lugares, algúns deles ilexibles, tirados ou cubertos pola vexetación, e solicitou a súa reparación ou substitución.
O BNG propón que o Concello elabore un inventario da sinalización existente nas estradas e camiños municipais para identificar as deficiencias, instalar novos indicadores onde sexan necesarios e corrixir as denominacións que non se axusten ao Nomenclátor de Galicia actualizado.
Tamén solicita que se trasladen ás administracións titulares das estradas provinciais e autonómicas as necesidades detectadas para promover actuacións coordinadas.

Paneis informativos nos núcleos rurais
A segunda iniciativa reclama un estudo das necesidades de paneis informativos nos diferentes núcleos de poboación, co obxectivo de habilitar espazos visibles e accesibles nos que a veciñanza poida colocar comunicacións de interese xeral, avisos municipais, convocatorias e necrolóxicas.
Barrientos advertiu de que «a veciñanza non dispón lugares para difundir comunicacións importantes para a comunidade, e acaba situándoas en postes da luz, contedores ou pés de cabazo».
A portavoz nacionalista tamén sinalou que a crecente utilización das redes sociais para difundir información deixa fóra unha parte da poboación, especialmente as persoas maiores que non empregan estas ferramentas.
Por este motivo, o BNG solicita que se establezan normas de utilización e mantemento dos paneis e que se habiliten as partidas económicas necesarias para executar a iniciativa.
En relación coa sinalización toponímica, Barrientos insistiu en que «é necesario o arranxo dos indicadores toponímicos que están en mal estado, xa que no municipio hai moitos que se atopan ilexibles, tirados ou cubertos pola broza».
A formación considera que unha sinalización adecuada resulta necesaria para facilitar a mobilidade, a identificación dos núcleos rurais e o acceso das persoas visitantes.







