O Concello inviste máis de 150.000 euros na construción de dous novos bloques con 25 panteóns, 100 nichos e 25 cinceiros.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, participou no acto de replanteo das obras de ampliación do cemiterio municipal, un paso previo ao inicio dos traballos que arrincarán nos vindeiros días cun orzamento total de 150.653 euros.
A actuación responde á demanda existente de espazos no recinto, que conta na actualidade con 375 panteóns. Con esta intervención construiranse dous novos bloques que permitirán sumar 25 panteóns, 100 nichos e 25 cinceiros.
O primeiro dos bloques erguerase a continuación dun xa existente e albergará 15 panteóns (60 nichos e 15 cinceiros). O segundo bloque funcionará como peche da zona ampliada e disporá de 10 panteóns (40 nichos e 10 cinceiros).
O proxecto completa con traballos de urbanización na contorna ampliada, onde se executarán novos viais, unha rampla e unha escaleira para mellorar a accesibilidade e dar continuidade aos itinerarios interiores do cemiterio.







