O centro cultural de Ponte do Porto acolleu a presentación do libro «A República e a Guerra Civil en Camariñas» de Rafael Lema. Despois da presentación a cargo do presidente da asociación de empresarios de Camariñas, Bernardino Martínez, interveu a alcaldesa Sandra Ínsua Rial que valorou o traballo de Lema.
“Non presentamos soamente un libro. Presentamos unha parte da historia de da Ponte do Porto, de Camariñas, da nosa xente e da nosa historia colectiva, que durante moito tempo permaneceu en silencio e temos a responsabilidade de recuperar” declarou a mandataria.
Persoeiros relevantes da Segunda República en Camariñas
Pola súa banda, Rafael Lema, falou da importancia do sindicalismo na localidade porteña coa figura de Rogelio Mazaeda, dos sindicalistas fusilados, Andrés Balsas, Manuel Carracedo e Ramón Carballo e do influxo do mestre de Camelle, Francisco Ponzán e do mariñeiro anarquista Jacinto Campaña.
Tamén destacou as actividades en defensa da República durante a sublevación, e outros datos interesantes para poder ter unha visión xusta daqueles temos dun movemento obreiro interconectado en toda a Ría de Camariñas.
No acto tamén se proxecto a documental “Ezkaba: la gran fuga de las cárceles franquistas” que tivo varios protagonistas de Ponte do Porto e da bisbarra.
A xornada contou cunha ofrenda floral no memorial porteño e cunha Ruta da Memoria co alumnado do IES Pedra da Aguia guiada por Rafael Lema. Instalouse ademáis instalouse un panel informativo de memoria democrática neste pobo, entre outras actividades.






