O Parador Costa da Morte, en Muxía, acollerá este venres 16 de outubro, ás 19:30 horas, a presentación do libro «Historia de Muxía e Moraime. Apuntamentos», dos investigadores José Enrique Benlloch del Río e Kike Benlloch Castiñeira. O acto terá lugar na sala do Perello.
Segundo informa a Asociación Cultural Xervasio Paz Lestón, a obra recolle décadas de estudo sobre o pasado de Muxía, Moraime e as terras de Nemancos. A entidade indica que o traballo se apoia en fontes documentais primarias, como pergamiños, tombos, legaxos, rolos e documentación notarial e xurisdicional, procedentes de arquivos de Galicia, do resto de España, do estranxeiro e do Vaticano. Segundo a asociación, o libro aborda a organización territorial, as relacións sociais e económicas e os conflitos xurisdicionais e administrativos da zona.

No Parador da Costa da Morte
José Enrique Benlloch, nacido en Muxía, leva décadas dedicado á investigación histórica da comarca. O seu fillo, Kike Benlloch, é enxeñeiro informático e investigador, e participa no tratamento da información, na cartografía e na análise documental.
A edición realízase coa colaboración da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, da Asociación Cultural Xervasio Paz Lestón e do Parador Costa da Morte, baixo a dirección de Julio Castro Marcote.
Na mesa de presentación participarán os dous autores, Mercé Barrientos Varela, en representación da asociación por delegación da súa presidenta, Luisa Gerpe García, e Julio César Castro Marcote, director do Parador, que actuará como anfitrión.
A asociación sinala que a publicación está dirixida a investigadores, centros educativos e veciñanza.
Data: 16 de outubro de 2026
Hora: 19:30 h
Lugar: sala do Perello, Parador Costa da Morte, Muxía







