A deputada socialista Patricia Iglesias, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, para analizar o impacto que a repotenciación dos parques eólicos terá sobre os recursos do concello, de cara a trasladar esta cuestión ao Parlamento de Galicia e á Xunta.
Os parques eólicos instalados en Vimianzo suman 88 aeroxeradores e máis de 123 MW de potencia, entre eles Monte Redondo, con 66 aeroxeradores e 49,5 MW. «Vimianzo é un exemplo claro do problema», explica a parlamentaria socialista.
«Vimianzo leva décadas soportando no seu territorio os impactos dos parques eólicos e agora corre o risco de que a repotenciación reduza os recursos públicos que recibe, sen que desaparezan esas afeccións territoriais», advirte Iglesias Rey.
Unha modificación do canon eólico
O problema está relacionado coa modificación do canon eólico aprobada pola Xunta, que cambiou a súa base de cálculo, e co modelo de repotenciación, que reduce o número de aeroxeradores ao substituílos por máquinas de maior potencia. As simulacións apuntan a unha perda de recadación de ata o 64%, con consecuencias directas sobre o Fondo de Compensación Ambiental e os concellos afectados.
«É difícil de explicar que con menos aeroxeradores se poida producir máis enerxía e aumentar a rendibilidade das instalacións, pero que os concellos acollen menos recursos públicos», indica a socialista.
Para o PSdeG, o problema é facer a repotenciación sen garantir o retorno económico aos territorios, polo que reclama á Xunta unha modificación do canon que garanta que concellos como Vimianzo non perdan capacidade económica.
«A nosa proposta é clara: máis enerxía renovable, si, pero máis negocio para os territorios que a producen, tamén», conclúe Iglesias Rey.






