O Concello de Vimianzo estreou un novo mural de grandes dimensións dedicado ás pandereteiras, protagonistas da tradición musical e do patrimonio inmaterial do municipio.
A obra, situada na rúa Rosalía de Castro, foi realizada polo artista Cristian F. Caruncho no marco da segunda edición de Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes).
O mural reivindica a figura das pandereteiras e o papel das mulleres na conservación e transmisión da cultura popular galega, unha tradición vinculada á identidade de Vimianzo e da Costa da Morte que se incorpora agora ao espazo público a través da creación artística contemporánea.

Desde o Concello de Vimianzo salientaron que «este mural é unha homenaxe ás nosas pandereteiras, ás mulleres que durante xeracións mantiveron viva a música, os saberes e a cultura popular».
A intervención enmárcase na filosofía de Vimianzo M.O.L.A., un programa que busca conectar literatura, oralidade, arte e patrimonio, e levar a cultura máis alá dos espazos convencionais, recoñecendo a memoria cultural do territorio e achegándoa á cidadanía e ás novas xeracións.
O Concello agradeceu a Cristian F. Caruncho o seu traballo e compromiso coa proposta, así como á familia do Regueiro por ceder a fachada e colaborar para facer posible a intervención, que deixa unha nova pegada artística nas rúas de Vimianzo.






