A Casa da Cultura de Vimianzo converterase do 29 ao 31 de outubro na sede do Vimindie, un festival dedicado a dar a coñecer a autoedición e a creación independente. Segundo a organización, é o primeiro de estas características que se celebra na Costa da Morte.
A cita está impulsada pola Asociación Cultural Airexa, co apoio do Concello de Vimianzo. Os seus responsables explican que a idea é mostrar no ámbito rural o que se move na creación independente das cidades e dar espazo ao talento emerxente galego.
O programa reparte as actividades entre coloquios, exposicións, obradoiros e un mercado de creadores. Os contidos abranguen fanzines, arte, ilustración, música, audiovisual e literatura. Ademais da Casa da Cultura, haberá propostas complementarias polas rúas de Vimianzo e noutros concellos da comarca.
Lugar central para os fanzines
Nesta estrea, o fanzine ocupa o lugar central. Os organizadores sinalan que é un formato flexible, apto para moitas disciplinas e aberto a calquera público. O festival dá cabida a obras feitas con recursos modestos e publicadas polos propios autores.
Segundo detallan, o Vimindie persegue tres metas: levar o mundo da autoedición ao rural da comarca, dar a coñecer a obra de creadores locais dentro e fóra da Costa da Morte, e espertar o interese pola creación entre o público máis novo.







