A corporación municipal de Camariñas acordou por unanimidade a solicitude de declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia das celebracións do “Carme de Camariñas”.
A alcaldesa, Sandra Insua afirmou: “Hoxe é un día de especial relevancia para a nosa historia, recente e pasada, e quero agradecer a responsabilidade política de todos os grupos que integran a Corporación. O Carme de Camariñas merece estar coas celebracións máis grandes da nosa Comunidade Autónoma: o San Xoán da Coruña, o Arde Lucus, a Romaría Vikinga de Catoira, o Apóstolo ou a Festa do Albariño, entre outras. Chegou o momento”.
Tamén por unanimidade aprobouse o plan de actuación municipal ante o risco de incendios forestais. Ademais o goberno do PSOE sacou adiante unha modificación de crédito de 95.000 euros para rrendamento de maquinaria, actuacións sectoriais e de mantemento, atencións protocolarias e outros gastos, así como a Conta Xeral 2025. Nestes puntos o PP e o BNG abstivéronse.







