O Concello de Vimianzo presentou este martes o programa da segunda edición de Vimianzo M.O.L.A. (murais, oralidade, literatura e artes), un festival que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro no Castelo de Vimianzo e que combinará literatura, narración oral, artes escénicas, música e arte urbana.
A rolda de prensa celebrouse na propia fortaleza e contou coa alcaldesa, Mónica Rodríguez Ordóñez; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, e a xornalista Patricia Blanco, que conducirá as tres xornadas.
Rodríguez Ordóñez indicou que o festival nace «para poñer a literatura da Costa da Morte e na Costa da Morte no lugar destacado que merece» e apuntou que a programación busca dar protagonismo aos autores e autoras da comarca sen renunciar a figuras da literatura galega actual.
A edición deste ano incorpora dúas referencias históricas ligadas ao inmoble: o 90 aniversario da toma do castelo polo goberno republicano e a revolta irmandiña de 1467.

Programa Vimianzo M.O.L.A.
O venres 4 de setembro abrirá o programa coa presentación de «A Primeira Dama», de Julio Romero Suárez, o espectáculo de contacontos «Pedras de Cartón» e unha sesión de monicreques de A Cova das Letras. Ese día celebrarase tamén un encontro do ciclo Conversas a pé de páxina coas escritoras María Oruña e Arantza Portabales.
O sábado 5 reunirá as sesións finais dos clubs de lectura coas autoras María Canosa («Lobo Ramón») e Nerea Pallares («Punto de Araña»), un contacontos de K’Paparota Teatro, unha sinatura de libros con Guadalupe Vázquez Formoso e a instalación de monicreques autómatas «Kinétiko», de Trécola Producións. A xornada continuará cun novo encontro literario con Alberto Lema e Rosalía Fernández Rial, un espectáculo musical sobre os seis poemas galegos de Lorca a cargo de Benxamín Otero e Rafa Fernández e unha visita teatralizada nocturna de Os Quinquilláns.

O domingo 6 haberá dúas visitas teatralizadas, a presentación do ensaio «Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela», de Manuel Canosa Trillo, e a de «Os 3 nomes de Sartegua», do xornalista Alberto Mancebo, acompañado por Ana Gayoso. Completarán a xornada o contacontos de David Acera, o espectáculo de narración e música «Lavandeiras», de Vero Rilo, unha conversa sobre a represión franquista en Galicia con Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela, e a sinatura de «En Vísperas de Nada», de José Pardiñas Alvite. Durante os tres días funcionará unha feira de libros a partir das 18:00 horas.
A programación de arte urbana comezará antes. Cristian F. Caruncho pintará un mural de gran formato a partir do 24 de agosto na rúa Rosalía de Castro, número 7, e os días 27 e 28 desenvolverase un mural colaborativo para menores de entre 8 e 16 anos, de 11:00 a 15:00 horas. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura ata o 22 de agosto.
Regueira Varela sinalou pola súa banda que o castelo «naceu para a defensa, pero hoxe é importante que se democratice e se converta nun espazo de encontro, cultura e democracia».







