O Concello de Camariñas levará ao pleno ordinario do venres, 27 de novembro, unha proposta para solicitar á Xunta de Galicia a declaración de tres celebracións como Festas de Interese Turístico de Galicia.
Trátase das Festas do Carme de Camelle, a Festa da Praia de Xaviña e a Festa do Caldo de Riola da Ponte do Porto. O Concello xa solicitara anteriormente este recoñecemento para as Festas do Carme de Camariñas.
Segundo fontes municipais as candidaturas contan con memorias xustificativas que inclúen estudos históricos e etnográficos, datos estatísticos e documentación gráfica. Despois da previsible aprobación plenaria, serán remitidas á Axencia de Turismo de Galicia.

A Danza de Arcos e a procesión marítima de Camelle
As Festas do Carme de Camelle celébranse a primeira fin de semana de agosto e teñen referencias documentais desde 1958.
Entre os seus elementos destaca a Danza de Arcos, que este ano reuniu a 100 participantes, entre eles 68 mulleres. A celebración inclúe tamén unha procesión marítima e unha homenaxe ás vítimas dos naufraxios.
A Festa da Praia de Xaviña
A Festa da Praia de Xaviña ten a súa orixe moderna en 1960, cando a veciñanza comezou a organizar romarías na praia do Ariño.
Celébrase o 25 de xullo e combina merendas familiares, música tradicional e unha sardiñada popular gratuíta.
O Caldo de Riola da Ponte do Porto
A Festa do Caldo de Riola naceu en 1990 por iniciativa dun grupo de veciños de Ponte do Porto e celébrase o último sábado de xullo.
A elaboración tradicional realízase nunha pota de grandes dimensións e distribúese en cuncas de barro de Buño. O evento desenvólvese do barrio do Outeiro.







