O Concello de Camariñas aprobou este sábado por unanimidade, nun pleno extraordinario, o nomeamento do locutor Marcial Mouzo Vidal como Fillo Predilecto de Camariñas, a máxima distinción honorífica que concede a corporación municipal.
Con este recoñecemento distínguese a traxectoria profesional e a vinculación de Mouzo co seu municipio natal. Nado en Camariñas en 1961 e recentemente xubilado tras 41 anos na Radio Galega, o comunicador estivo desde 1996 á fronte do programa Pensando en ti, espazo radiofónico co que acompañou a milleiros de oíntes durante as madrugadas.
Marcial Mouzo, embaixador de Camariñas
Na sesión, a alcaldesa, Sandra Insua, destacou que o nomeamento recoñece non só a súa carreira nos medios de comunicación, senón tamén o labor desenvolvido ao longo dos anos na difusión da cultura, dos valores e da identidade de Camariñas e da Costa da Morte.
A rexedora salientou ademais o seu papel como embaixador da vila e a pegada que deixou entre os seus oíntes ao longo de catro décadas de profesión.







