O BNG de Camariñas criticou a xestión das obras de reforma do CEIP O Areal de Camariñas ao considerar que o centro escolar «atópase nun lamentable estado neste inicio do curso escolar, o que dificulta o desenvolvemento da actividade da comunidade educativa».
Segundo os nacionalistas, a rehabilitación do colexio, iniciada en xullo, «non avanzou todo o que se podía prever durante os meses de verán», unha circunstancia que, na súa opinión, «pode indicar que a finalización da reforma non se produza en xaneiro, como está previsto nos prazos de execución».
O BNG apunta como mostra da «penosa situación» na que se atopa o CEIP O Areal o feito de que aínda permanece depositado material de amianto nun patio interior do centro, que segundo a formación «debería estar retirado antes do comezo das clases». A isto engaden que, como consecuencia das obras, o alumnado non dispón de espazo suficiente para o tempo de recreo.
Piden á Xunta que resolva os problemas
«Non é normal que comece o curso escolar así, co desastre que hai no colexio tanto por dentro como por fóra, e xa houbo protestas por parte de familias de alumnado da escola», afirmou o BNG de Camariñas.
A formación nacionalista instou á Xunta de Galicia «a que faga o posible para atopar unha solución» e a que a reforma do edificio educativo «sexa o menos molesta posible para a comunidade escolar e o desenvolvemento da actividade».







