Vimiansol regresa a Vimianzo cun verán cheo de circo, música e espectáculos para todos os públicos

O Vimiansol, o ciclo cultural que enche Vimianzo de cultura e entretemento durante as fins de semana de verán, regresa un ano máis cunha programación que combina circo contemporáneo, humor, música e espectáculos familiares. A edición deste ano presentouse hoxe en rolda de prensa e contará con oito propostas que se desenvolverán na Praza do Concello e no Castelo de Vimianzo.

Vimiansol en xullo

A programación dará comezo o sábado 11 de xullo na Praza do Concello coa Fundación Tchyminigagua e o seu espectáculo Acrocircus. A recoñecida compañía colombiana, con máis de catro décadas de traxectoria e prestixio internacional, achegará ao público a súa particular linguaxe acrobática marcada polo ritmo e a enerxía e cunha profunda vocación de transformación social.

O 17 de xullo, o Castelo de Vimianzo acollerá o concerto Ao Vivo: Espazos Singulares, de Emilio Rúa, un dos cantautores galegos máis destacados das últimas décadas, cunha carreira de máis de 35 anos e unha obra vinculada á poesía e á lingua galegas.

O 25 de xullo volverá o circo á Praza do Concello coa gala Circando, unha proposta de Artefeito chea de malabares, clown, acrobacias e humor, que reunirá algúns dos mellores números circenses para abraiar e facer gozar a pequenos e maiores.

Vimiansol en agosto

Xa en agosto, o primeiro sábado día 1, a artista galega Sue Moreno presentará 5.0, o seu novo espectáculo, unha mestura de equilibrios, acrobacias aéreas e música en directo para reflexionar, desde o amor e o humor, sobre o paso do tempo, os cambios e o envellecemento. Unha proposta valente e emocionante dunha das acróbatas máis consolidadas de Galicia.

O 14 de agosto, o Castelo converterase de novo en escenario musical coa actuación de Héctor Lera. O artista, recoñecido tamén como actor de dobraxe de cine e televisión, ofrecerá un concerto marcado pola mestizaxe de estilos nun directo que destaca pola súa proximidade co público baixo o nome Cancións íntimas.

As artes escénicas regresarán á Praza do Concello o 15 de agosto con Las Cossas Nostra, da compañía do mesmo nome chegada dende Barcelona. Os protagonistas desta noite serán un extravagante dúo de gánsteres vítimas da moda italiana, que convidarán ao público a entrar nun universo absurdo e disparatado no que todo é posible.

O 22 de agosto será a quenda da compañía asturiana Adrián Conde e o seu espectáculo Intringulis. Da man do entrañable mago Braulio, o público vivirá unha experiencia na que os imprevistos se transforman en gargalladas e diversión para toda a familia.

Por último, o 29 de agosto, Vimiansol despedirá a súa edición deste verán coa compañía A Vela Circo e o espectáculo O Último que Apague a Luz. A partir da historia de dous pallasos que deciden casar, a proposta constrúe unha aloucada cerimonia que reflexiona, desde o humor e o absurdo, sobre as tradicións e os rituais sociais.

Todas as actuacións, tanto na Praza do Concello coma no Castelo, comezarán ás 21:00 horas e serán de acceso libre e gratuíto.

Vimiansol 2026 está organizado polo Concello de Vimianzo, coa colaboración da Deputación da Coruña, e consolídase, tras varias edicións exitosas, como unha das citas culturais imprescindibles do verán na Costa da Morte.

Fonte- Nota de prensa do concello de Vimianzo

Esta semana

Vimianzo inaugura a Mostra de Artesanía en Vivo e activa o Período Irmandiño

O Castelo de Vimianzo deu este xoves inicio ao...

Pull&Bear lanza una colección cápsula con encaje de Camariñas

La firma de moda juvenil Pull&Bear ha presentado este...

Vimianzo inicia os trámites para converter o Muíño de Mareas de Cereixo nun museo etnográfico

O Concello de Vimianzo solicitou á Xunta de Galicia...

Vimianzo, Muxía y Camariñas ponen en marcha un Obradoiro de Emprego financiado por la Xunta

La Xunta de Galicia financia con 501.000 euros el...

En corto

Pull&Bear lanza una colección cápsula con encaje de Camariñas

La firma de moda juvenil Pull&Bear ha presentado este...

Los Españoles, Borja Solla y Master en Suxo

Suxo honra a la Virgen del Pilar a ritmo...

Comida popular en Carantoña

La comisión de fiestas de Carantoña (Vimianzo) organiza la...

Camariñas camina contra el cáncer

El Concello de Camariñas y la AECC impulsan...
Logotipo Adiante Galicia

Artículos relacionados

Categorías

Xeitoso