A asociación O Despertar do Río promove a recuperación deste coñecido local de Ponte do Porto, que volverá abrir o sábado 21 de novembro cunha sesión musical.
O Pub O Pincho, un dos locais vinculados á historia da movida nocturna de Ponte do Porto, no concello de Camariñas, volverá abrir as súas portas este sábado 21 de novembro. A reapertura forma parte das iniciativas impulsadas pola nova asociación O Despertar do Río, constituída por nove mozas da localidade.
O establecemento, situado na rúa Curros, foi durante anos un punto de encontro para diferentes xeracións. A súa recuperación pretende contribuír á dinamización social e festiva de Ponte do Porto.
As integrantes da asociación explican que a iniciativa xurdiu da necesidade de recuperar espazos de convivencia. “Levabamos tempo botando en falta un espazo onde reunirnos, compartir momentos e volver desfrutar do ambiente e da festa na nosa Ponte do Porto”, sinalan.

Un novo punto de encontro en Ponte do Porto
O colectivo está integrado por Laura Sar, Begoña Fidalgo, Ainhoa Tajes, Alexandra Romero, Nerea Santos, Ainhoa Landeira, Lara Rodríguez, Rosalía Alonso e Kelly Suárez.
“Queremos que volva ser un punto de encontro para os de sempre, para os que veñen detrás e para todos os que teñen ganas de vivir novas experiencias”, explican.
A inauguración contará coa participación de DJ Ariax e DJ Save, encargados da ambientación musical da xornada.
O Despertar do Río prepara novas actividades
A reapertura do local non é a única iniciativa desta asociación, que xa comezou a desenvolver actividades para fomentar a participación veciñal.
Durante a pasada fin de semana, o colectivo organizou unha excursión a Portugal, con visitas a Vila Nova de Cerveira e Valença do Miño.
Entre os seus próximos proxectos figura a celebración dun torneo de fútbol sala durante a Semana Santa, ademais doutras propostas que se anunciarán progresivamente.
Con estas actividades, O Despertar do Río busca ampliar as alternativas de lecer e favorecer a participación da veciñanza na vida social de Ponte do Porto.






