O BNG de Camariñas urxiu ao goberno municipal a arranxar a rúa Grixa, en Ponte do Porto, que segundo a formación nacionalista se atopa “nun estado desastroso e lamentable, con fochancas e o firme desfeito en múltiples tramos”. Os nacionalistas pediron ao equipo de goberno que actúe con carácter prioritario e que non atrase máis as obras que, segundo indican, necesita a vía.
A rúa Grixa une o antigo cemiterio de San Pedro co novo camposanto de Ponte do Porto. O BNG anunciou que preguntará ao executivo local se existe un proxecto de reforma e, de ser así, instará o goberno municipal a presentalo publicamente.

Seguridade
O portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, que visitou o lugar, manifestou: “A veciñanza que vive nese lugar ten dereito a ter un acceso ás súas casas en óptimas condicións e con seguridade”. Segundo indicou, na rúa Grixa “xa se ten producido algún incidente polo seu mal estado, provocando incluso caídas de persoas”.
Rodríguez Baña considera que o goberno local “ten que facer políticas centradas nas persoas que residen no noso municipio, pensando no día a día da veciñanza, para poder vivir nas condicións máis dignas posíbeis”.
O voceiro nacionalista tamén advertiu de que a acción de goberno non pode centrarse en actuacións que convertan Camariñas “nun parque temático” mentres, segundo dixo, hai rúas ou lugares importantes para os habitantes do concello en situación de abandono.







