A situación da atención primaria no centro de saúde de Muxía xerou un novo enfrontamento político entre o grupo municipal socialista e o Partido Popular, tras a denuncia de longos tempos de espera para obter cita médica e a resposta posterior do goberno local.

O grupo socialista asegura que, segundo queixas recollidas entre a veciñanza, se teñen producido demoras de ata 264 horas —preto de dúas semanas— para acceder a unha consulta presencial de médico de familia. Unha cifra que, segundo indican, supera amplamente as 48 horas recomendadas para citas non urxentes. O portavoz socialista, Iago Toba Campaña, cualificou a situación de “extrema gravidade” e advertiu de que “un muxián ou muxiana non pode esperar case dúas semanas para atender unha doenza polo simple feito de vivir en Muxía”.
Ante esta situación, o PSOE anunciou unha batería de iniciativas, entre elas a presentación de reclamacións ante a Consellería de Sanidade e o servizo de atención ao paciente, así como accións parlamentarias a través da deputada Patricia Iglesias e unha moción no pleno municipal co obxectivo de instar á Xunta a reducir os tempos de espera.
Os socialistas tamén critican a falta de actuación do goberno local, ao que acusan de non ter realizado xestións para corrixir o problema, denunciando “pasotismo e desinterese” ante unha cuestión que consideran prioritaria para a veciñanza.

Pola súa banda, o Partido Popular de Muxía rexeitou estas afirmacións e cualificou de “rotundamente falso” que existan esperas de 15 días para citas de atención primaria. Segundo indican, as citas están dispoñibles en menos dunha semana, algo que —aseguran— pode comprobarse a través da aplicación oficial do Sergas. Os populares consideran que a difusión destes datos responde a unha estratexia de “manipulación e demagoxia” por parte do PSOE.
Ademais, o PP cuestiona a credibilidade do actual portavoz socialista, ao lembrar a súa etapa como alcalde e vincular a súa xestión cun episodio de contaminación da auga no municipio. Os populares sosteñen que aquel suceso evidenciou unha “pésima xestión dun problema de saúde pública” e acusan ao exrexedor de ocultar información relevante naquel momento.
Por último, o PP de Muxía reclama un debate “baseado en datos reais” e sen confrontación política sobre o funcionamento dos servizos sanitarios no municipio e recriminan o «alarmismo» do PSOE.