O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Camariñas para supervisar o estado das obras de rehabilitación da antiga lonxa do peirao do Curbeiro, un edificio en desuso desde hai décadas que se converterá no futuro Museo dos Naufraxios.
A actuación conta cun orzamento de 430.000 euros, dos que a institución provincial achega 330.000, o 76,7 % do total, mentres que o Concello de Camariñas asume a cantidade restante. Formoso percorreu as instalacións acompañado da deputada provincial Mónica Rodríguez, da alcaldesa, Sandra Insua, e de membros da corporación municipal, ante os que o director da obra e o responsable da empresa construtora detallaron os traballos en execución.

Formoso: «Vai ser un museo de referencia en Galicia»
Esta primeira fase céntrase na reparación e consolidación estrutural do inmoble e na reforma da súa envolvente exterior, con intervencións en cubertas, fachadas e carpinterías. Está previsto executar unha nova cuberta, rehabilitar as fachadas mediante un sistema de illamento térmico exterior e substituír portas e ventás para mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de conservación do edificio, mantendo o seu volume e o seu carácter industrial e mariñeiro. Rematada esta etapa, poderá abordarse o acondicionamento interior e a musealización.
O presidente provincial vinculou o proxecto ao potencial turístico da comarca, na que se contabilizan máis de 600 naufraxios documentados. «Estamos a falar dun motor turístico brutal e confiamos absolutamente nel», afirmou, e engadiu que compartir co Concello a convicción de que «non vai ser un museo máis: vai ser un museo de referencia en Galicia».
Pola súa banda, a alcaldesa cualificou o inicio dos traballos como «un proxecto vital para o turismo, non só de Camariñas, senón de toda a comarca» e referiuse ao inmoble como «un edificio moi querido por todos os camariñeses e camariñesas, que estabamos vendo todos os días en moi mal estado, xusto no centro da vila». Insua sinalou que a franxa comprendida entre o Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses concentra un elevado número de sinistros marítimos.

Visita a Industrias Cerdeimar
A xornada completouse cunha visita ás instalacións de Industrias Cerdeimar, fundada na localidade en 1884 como fábrica de salgadura de sardiña e dedicada na actualidade ás conservas de peixe e marisco e aos pratos preparados. A planta de Camariñas, especializada en atún, emprega case 55 persoas e produce para a marca de distribución do grupo Family Cash, propietario da compañía, así como para as marcas Boya e Fish and Company. A empresa ampliou recentemente a súa capacidade cunha planta en Alfaro (A Rioxa). Formoso subliñou «a importancia de contar na provincia con empresas que combinan unha longa tradición industrial coa capacidade de adaptarse, innovar e competir».






