O Concello de Muxía aprobou os orzamentos municipais para este ano cos votos favorables do goberno bipartito de Independentes por Muxía e Partido Popular, ademais do apoio do BNG. O PSOE votou en contra.

As contas ascenden a algo máis de cinco millóns cento corenta mil euros. O alcalde, Javier Sar, destacou o incremento de cento trinta mil euros en investimentos reais, así como o reforzo das partidas destinadas a asociacións, abastecemento e limpeza.

Sar asegurou que non haberá suba de impostos e defendeu que o executivo cumpriu co plan económico financeiro.

O declive de Muxía

O PSOE criticou duramente os orzamentos e acusou ao BNG de apoiar unhas contas nas que, segundo os socialistas, hai máis gasto en festas ca en investimentos e mantemento.

“Vemos claramente como actua este goberno. Son contas que farán afondar máis no declive de Muxía, que se iniciou coa moción de censura” manifestou Iago Toba.

PP e BNG

Pola súa parte, a portavoz popular Sandra Vilela respondeu que o actual goberno gasta menos en festas ca o anterior executivo socialista e asegurou que a programación cultural mellorou de forma notable.

Desde o BNG, Mercé Barrientos xustificou o apoio indicando que Muxía non podía continuar con orzamentos prorrogados, aínda que advertiu da baixa capacidade de investimento e da falta de execución dalgunhas actuacións pendentes.

O voto nacionalista foi decisivo, xa que unha ausencia no grupo popular provocou empate na primeira votación, resolto posteriormente co voto de calidade da alcaldía.