O BNG de Vimianzo acusou ao goberno municipal de “manipulación e ocultación de datos” en relación coa situación do servizo de xestión da escola infantil e da vivenda comunitaria, e responsabilizou ao executivo local da crise aberta tras a saída da empresa Reacteda.

A formación nacionalista sostén que os problemas no servizo “non eran sobrevidos nin inesperados”, senón consecuencia dunha “mala planificación” e dunha “xestión irresponsable” por parte do Concello.

Segundo indicou o BNG nun comunicado, a alcaldesa coñecía “dende había anos” as dificultades da empresa concesionaria, pero deixou expirar a prórroga asinada en 2021 sen iniciar unha nova licitación. Os nacionalistas aseguran que o servizo continuou funcionando “en precario” e sen contrato en vigor.

A oposición tamén sinala que o goberno local ignorou informes negativos de Intervención e Contas, así como advertencias realizadas polo propio BNG en sesións plenarias sobre os riscos de manter esta situación contractual.

Versión edulcorada da realidade

Para os nacionalistas, resulta “especialmente grave” que o executivo municipal “intente trasladar unha versión edulcorada da realidade, evitando asumir responsabilidades políticas evidentes nunha crise que era perfectamente previsible e evitable cunha xestión rigorosa”.

O BNG advertiu ademais do impacto económico que esta situación pode ter nas arcas municipais. A formación lembra que o Concello xa asumiu gastos derivados do abandono do servizo por parte da empresa, entre eles subministracións e impostos, cantidades que a alcaldesa anunciou que reclamará pola vía xudicial.

Os nacionalistas engaden que tamén haberá que afrontar as débedas acumuladas pola concesionaria, incluídas mensualidades de xaneiro e febreiro abonadas polo Concello pero non transferidas ás traballadoras nin ás empresas subministradoras, unha situación que, segundo o BNG, poderá encarecer o contrato do servizo nos próximos anos.