Verbenas con Olympus, La Fórmula ou Panorama City, procesión marítima, danza de arcos, fogos artificiais, sardiñada durante cinco días de festa.
A Asociación Virxe do Carme de Camariñas organiza entre os días 15 e 19 de xullo unha nova edición das Festas do Carme 2026, un programa que combinará actos relixiosos, tradición mariñeira, música e actividades festivas.
A programación arrancará o mércores 15 de xullo coa saída da Mini Danza de Arcos ás 12.00 horas e a entrega do galardón de Camariñá do Ano ás 13.00 horas, que este ano recae en Sefy Carril. A partir das 18.30 horas haberá un pasarrúas con Cantos de Taberna.

Xoves, o día grande da Virxe mariñeira
O xoves 16 de xullo, festividade da Virxe do Carme, celebrarase unha intensa xornada con saída da Danza de Arcos desde a Praza do Concello, alborada e pasarrúas da Banda de Música das Pontes, ofrenda floral, misa ás 13.00 horas no porto e a tradicional procesión marítima, un dos eventos multitudinarios do verán.
A sesión vermú estará amenizada pola orquestra Acordes e pola tarde haberá pasarrúas coa charanga O Rumbo de Fisterra. A verbena contará coas actuacións das orquestras Acordes e Olympus, rematando cunha gran sesión de fogos artificiais á medianoite, que cada ano é outro dos atractivos das celebracións.
Verbena con Panorama City
O venres 17 de xullo comezará con pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e da Banda de Música de Cee. Ás 12.00 horas celebrarase a procesión de subida da Virxe do Carme levada pola Danza de Arcos e, unha hora máis tarde, a misa co coro parroquial de Camariñas. O programa inclúe tamén unha gran tirada de bombas de palenque, sesión vermú con Tania Veiras y Los Cumbiapop, pasarrúas coa Charanga Noroeste e unha verbena protagonizada por Panorama City, Tania Veiras y Los Cumbiapop e a macro discoteca CDC.
La Oca, La Fórmula e o Grupo Bomba
A programación continuará o sábado 18 de xullo cunha sardiñada na Área da Vila, seguida dun gran dúo musical, a charanga Mekánika e Mariachi Galicia. Pola noite, o paseo marítimo acollerá a verbena coas orquestras La Oca Band e La Fórmula.
As festas concluirán o domingo 19 de xullo cunha macro sesión vermú a partir das 14.00 horas amenizada polo Grupo Bomba.







