Ponte do Porto conta con tres establecementos onde selar a credencial da Vía Céltica que une a ría de Camariñas con Santiago de Compostela. Trátase dos locais hostaleiros La Tavernetta da Ponte, Bar Central e Casa Trabeiro.
Os representantes dos tres locais contan co selo oficial e un mapa en lugar visible para promocionar a ruta, e confirman que xa foron moitos os solicitantes do selado.

Melloras en Vimianzo
Esta semana o Concello de Vimianzo vén de rematar os traballos de limpeza dos dous novos itinerarios da Vía Céltica que conflúen en Romar, na parroquia de Berdoias.
Manuel Amigo, promotor da vía, asegura que buscaron novas opcións «xa que os camiños anteriores eran perigosos ao pasar directamente pola estrada e, a base de investigar, ler documentos antigos e buscar rutas en mapas, atopamos dous percorridos que conflúen en Romar e teñen orixes históricas vencelladas ao Camiño».
O Concello acometeu os traballos de acondicionamento, que incluíron o desbroce e a limpeza da maleza existente. «Unha obra de gran delicadeza, xa que en gran parte do percorrido non podía accederse con maquinaria pesada, tendo que facerse de xeito manual», afirman desde o Concello. A asociación Vía Céltica sinalizou e incluíu estas rutas no track oficial.