Camelle e Arou volven a mergullarse na súa historia mariñeira coa celebración da sétima edición do City of Agra, que terá lugar os días 10, 11 e 12 de xullo. A programación combinará recreación histórica, actividades culturais, teatro, música e actos institucionais para lembrar o naufraxio do vapor británico City Of Agra, do que este ano se cumpren 129 anos.
Actos do venres
A inauguración terá lugar o venres 10 de xullo ás 17.00 horas coa apertura da Feira Mariñeira. Ao longo da tarde celebrarase unha visita guiada á Sala dos Náufragos e á Historia Marítima de Camelle, seguida da representación teatral Palilladas II e do espectáculo de comedia Demi Marcote e Tito Rober, que pecharán a primeira xornada.
Lembrando o City of Agra
O sábado 11 continuará a actividade coa reapertura da feira, un roteiro animado sobre os náufragos do City of Agra por Arou e Camelle, un concerto de Bestas, unha nova visita guiada á Sala dos Náufragos e un foliado popular.
A partir das 22.45 horas terá lugar un dos momentos centrais da programación coa Arribada dos Náufragos do City of Agra, amenizada por Kreze, antes dos monólogos de Os Mortos de Risa, que clausurarán a segunda xornada.
E o domingo
Os actos do domingo estarán especialmente dedicados á lembranza das vítimas do naufraxio. A mañá comezará coa apertura da feira e continuará cunha misa na igrexa de Camelle en memoria dos náufragos, en especial os do balandro San Fernando.
A continuación desenvolveranse, a recepción das autoridades aos náufragos do City of Agra e a entrega de medallas, ademais dunha homenaxe da Costa da Morte protagonizada por nenas e nenos de Camelle.
A programación completarase co tradicional embarque dos náufragos e co partido de fútbol Camelláns vs British, antes do remate da Feira Mariñeira e da clausura oficial do evento coa subida do bote salvavidas.
Organizado pola Asociación Cultural Naufraxios Galegos, co apoio do Concello de Camariñas e de distintas entidades colaboradoras, o City of Agra consolídase como un dos atractivos culturais deste mes de xullo.






