O Concello de Vimianzo reabriu ao tráfico as rúas Castelao e Vázquez Mouzo tras completar a primeira fase das obras de humanización. A actuación transformou o centro urbano nun espazo máis accesible, funcional e pensado para as persoas.

Os traballos incluíron a repavimentación integral das dúas vías, a creación dunha plataforma única con separación entre zona peonil e de vehículos, e a instalación dunha nova rede para a separación de augas pluviais e fecais. Tamén se renovou o saneamento e incorporáronse zonas verdes e vexetación.

O novo mobiliario urbano será colocado nas próximas semanas. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, cualificou esta actuación como “unha das máis importantes dos últimos anos” e apelou ao civismo para manter o espazo en bo estado.

A segunda fase do proxecto será sometida a aprobación no pleno do 28 de maio e executarase nos próximos meses.