O BNG de Vimianzo, a través do deputado Oscar Insua, presentou unha nova pregunta no Parlamento galego sobre o atraso na entrega dos títulos de propiedade da concentración parcelaria de Carnés e Cereixo. Segundo denuncian os nacionalistas, desde o final do proceso administrativo en 2020, máis de mil titulares de parcelas continúan sen recibir a documentación notarial correspondente.
Na iniciativa, Insua pregunta ao Goberno galego polo estado actual dos traballos e solicita coñecer se existen previsións para a entrega definitiva dos títulos durante este ano 2025, así como posibles problemas técnicos ou administrativos que dificulten a resolución do expediente.
Benxamín Queiro: «Un retraso inxusto»
Benxamín Queiro, voceiro municipal do BNG, destacou: “Desde o noso grupo estamos coa veciñanza para esixir á Consellería que poña todos os medios para finalizar o proceso canto antes, e non pararemos de insistir para dar solución a este retraso que consideramos inxusto”. O BNG lembra tamén que en xaneiro entregaron máis de 200 sinaturas de veciños na Xefatura Territorial de Medio Rural, solicitando axilizar os trámites.
Desde a Consellería de Medio Rural trasladouse que a demora está motivada por cuestións técnicas que se están corrixindo. O BNG mantén o seu compromiso de seguir reclamando ata que os títulos sexan entregados a todos os propietarios afectados.