O BNG de Vimianzo presentará no pleno municipal deste venres, 6 de febreiro, unha moción para impulsar a adquisición de terreos ou inmobles en desuso co obxectivo de crear unha Casa da Xuventude no municipio.
Segundo explica a formación, a iniciativa busca dar resposta á falta de espazos e actividades dirixidas á mocidade, nun concello marcado polo envellecemento da poboación e pola marcha da xente nova cara a outros lugares con máis oportunidades.
A proposta aposta pola rehabilitación de edificios en mal estado ou sen uso para convertelos nun espazo público orientado ao ocio saudable, á formación, á participación e ao encontro das persoas mozas. O portavoz municipal do BNG, Benxamín Queiro, sinalou que “é triste que a mocidade non teña espazos propios e se vexa obrigada a refuxiarse baixo os portais”.
A moción inclúe tamén a necesidade de contar coa participación directa da mocidade no deseño e no funcionamento da futura Casa da Xuventude.
Renuncia de Lorena Suárez
No mesmo pleno, a concelleira do BNG Lorena Suárez Pazos fará efectiva a súa renuncia á acta. A edil explicou que a decisión responde a motivos persoais e profesionais, entre eles a conciliación familiar e a carga laboral como docente no IES Terra de Soneira. Suárez Pazos continuará como responsable local do BNG en Vimianzo. Será sustituída no concelolo por Roque Cernadas.
Na foto Benxamín Queiro con Lorena Suárez.