O Concello de Vimianzo licita a mellora do viario en Reparada, na parroquia de Salto

O Concello de Vimianzo abriu a licitación do proxecto de mellora do viario en Reparada, na parroquia de Salto, incluído no Plan de Obras e Servizos (POS) 2025. A actuación contempla a repavimentación, a canalización de augas pluviais e obras de saneamento, co obxectivo de mellorar a seguridade, a drenaxe e o estado xeral desta vía municipal, que presta servizo á veciñanza da zona.

O orzamento base de licitación é de 210.839,90 euros e o prazo de execución previsto, segundo o proxecto técnico, é de seis meses. As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 26 de febreiro de 2026 ás 23:59 horas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, onde tamén se atopan dispoñibles os pregos e demais documentación.

O concelleiro de Obras destacou que “seguimos traballando polo rural, mellorando os núcleos das nosas parroquias. Esta é unha obra moi necesaria para dotar de novos servizos e dunha nova imaxe ao núcleo de Reparada”. Con esta intervención, o goberno municipal continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do rural, unha das prioridades para garantir a seguridade e a calidade de vida da veciñanza en todo o territorio.