O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou a paralización cautelar do proxecto eólico Patiñeiro, promovido por Naturgy Renovables no concello de Vimianzo, tras estimar a solicitude da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA.
O parque, autorizado pola Xunta, prevía tres aeroxeradores de ata 200 metros nunha zona con fauna protexida e patrimonio arqueolóxico de especial relevancia. No auto, o tribunal advirte do risco de danos ambientais de difícil reparación e da afección a especies ameazadas, corredores ecolóxicos e núcleos de poboación.
O TSXG aplica os principios de prevención e precaución, priorizando a protección do medio ambiente fronte ao interese económico. ADEGA subliña que este proceso xudicial foi posible grazas á campaña solidaria #TiPodesParalos, que permitiu presentar numerosos recursos contra proxectos eólicos en Galicia.