O BNG de Vimianzo presentará no vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta a modificar o proxecto da prolongación da Autovía da Costa da Morte no treito Santa Irena – AC-432. A formación denuncia que o deseño actual non inclúe o enlace previsto no lugar do Foxo co vial de acceso ao Parque empresarial e á propia vila.
Segundo explica o voceiro Benxamín Queiro Pérez, a falta deste enlace canalizará o tráfico cara a Fisterra polo centro da localidade, o que saturará o cruce de Camariñas. O grupo solicita que o enlace do Foxo se habilite funcionalmente como acceso directo tanto ao núcleo como á vía que conecta Pasarela coa AC-552 para evitar o illamento destas zonas, como xa ocorreu no arranxo da estrada Caxadas-Baiñas.
O BNG advirte de que non incluír o enlace nesta fase encarecerá a súa execución futura. Así mesmo, a moción reclama á Xunta medidas para reducir ou eliminar a peaxe da AG-55 en dirección á Coruña por considerar que supón un agravio comparativo con outras comarcas galegas.