Un dos promotores do neocamiño xacobeo da Vía Céltica, Manuel Amigo Ferreiro, comunicou dúas novas con respecto a esta ruta.
En primeiro lugar informou dos traballos de adecentamento de camiños na ría de Camariñas, «Estes días limpamos varios tramos do itinerario dende Muxía e Camariñas, casualmente os mais bonitos».
Outra novidade que afecta ao tramo xacobeo que une a ría con Santiago ten que ver cunha nova moeda conmemorativa que sacou a luz a asociación, neste caso co mítico Crismón de San Pedro de Leis de Nemancos. Esta peza numismática é a terceira cunha icona da zona, tras as dedicadas a porta sur de Santiago de Cereixo e ao demiño do santuario de Rubín en Santa Comba.
A Via Céltica comprende varios Camiños de Santiago que pasan por Santa Comba e Portomouro procedentes da Costa da Morte e Bergantiños, unha vía xenuinamente Xacobea que une os portos da Costa da Morte con Santiago polas Terras de Céltigos e que foi aprobada pola Igrexa, polo que os camiñantes poden obter a compostela facendo dous dos seus tramos.
