Alfonso Rueda defende a prolongación da AG-55 como vía de alta capacidade con opción de conversión en autovía
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a licitación da prolongación da autovía da Costa da Morte permitirá construír unha vía de alta capacidade de 5,8 quilómetros, libre de peaxes, entre Santa Irena, no concello de Vimianzo, e a estrada AC-432. Segundo explicou, trátase dun investimento que inclúe as obras necesarias para que, “chegado o momento, se se acredita que é necesario, poder convertela en autovía”.
Rueda cualificou o proxecto como “longamente esperado” e subliñou que supón “un paso importante” na continuidade dunha infraestrutura iniciada hai anos. O anuncio realizouse durante un acto no que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Fernández Allegue. As obras está previsto que comecen este mes de xullo.
A actuación contará cun investimento de 36,3 millóns de euros e a vía estará limitada a 100 quilómetros por hora. O proxecto inclúe dous enlaces, coa previsión dun terceiro, tres viadutos, seis pasos superiores, tres inferiores e varias obras de drenaxe. Destaca especialmente o viaduto sobre o río Vimianzo, con preto de 250 metros de lonxitude.
O presidente sinalou que estas actuacións permitirán mellorar a conexión da comarca e reducir os tempos de desprazamento, ao tempo que lembrou que a Xunta tamén mantén conxeladas as peaxes da AG-55 entre A Coruña e Carballo e da AG-57 do Val Miñor. Segundo os cálculos do Goberno galego, un usuario diario da AG-55 pode aforrar máis de 390 euros ao ano.
Rueda indicou ademais que o obxectivo da Xunta é seguir ampliando a rede de vías de alta capacidade en Galicia, onde oito de cada dez cidadáns viven a menos de quince minutos dunha infraestrutura deste tipo.
