A Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia acordou conceder unha achega de 137.598 euros para que se poida desenvolver o programa “Xuventude Mentoring na Empresa” nos concellos de Camariñas, Vimianzo e Muxía.
Grazas á subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, estos tres concellos contarán cunha segunda edición deste programa de estadías formativas en entidades e empresas. Os beneficiarios serán persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
Segundo explican desde a Xunta as asociacións e concellos que reciben estas axudas deberán contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de catro meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo concedido a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto é de 140.000€ e as persoas participantes recibirán unha bolsa dun mínimo de 661,5€ ao mes e contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola entidade beneficiaria.