O PSOE de Muxía criticou este luns a actuación do goberno municipal na Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2026, ao considerar que o concello acudiu ao evento sen unha proposta propia de promoción turística.
Os socialistas sinalan que se trata do primeiro ano, tras máis de dúas décadas de presenza continuada, no que Muxía non presentou ningunha iniciativa específica na feira, mentres outros concellos da comarca aproveitaron o escaparate turístico para dar visibilidade aos seus recursos.
Perda de protagonismo en Fitur
Segundo o PSOE, a ausencia de contidos e accións diferenciadas supón unha perda de protagonismo turístico para o municipio, que tradicionalmente mantivera unha presenza destacada en Fitur, especialmente durante anteriores mandatos socialistas, cando se impulsaron presentacións e contactos institucionais co sector.
A formación lembra tamén que o ano pasado se anunciara unha iniciativa promocional, «Percibe Muxía» que finalmente non chegou a celebrarse e considera que a falta de planificación deste ano agrava a situación. Os socialistas advirten do impacto que esta estratexia pode ter na imaxe de Muxía como destino turístico, nun concello cun peso relevante desta actividade económica.
«Un municipio que vive nunha porcentaxe alta do turismo, non pode dar esta imaxe pésima e decadente no principal foro turístico do país e internacional pola incapacidade dun goberno desestructurado e en fase de descomposición», sinalan desde o PSOE.