O grupo municipal socialista de Muxía denunciou que varias compañías de telefonía e comunicacións, entre elas MOVISTAR, R e COMENERSOL, non prestan os servizos contratados, con averías que en ocasións levan semanas sen solución, segundo trasladou a veciñanza afectada.
Despois de criticar a inacción do goberno local, os cinco concelleiros socialistas informaron que están a elaborar unha reclamación colectiva contra as compañías implicadas, que tamén se trasladará á Axencia de Consumo, co fin de valorar os prexuízos e acelerar o restablecemento dos servizos.
O portavoz municipal, Iago Toba Campaña, explicou que o grupo poñerá a súa disposición aos afectados para asesoramento e tramitación das reclamacións, promovendo unha acción coordinada que garanta a prestación da calidade contratada.
Os socialistas subliñan que no actual contexto de xestión dixital de servizos, non é admisible que a calidade dependa da localización, lembrando que os clientes rurais pagan as mesmas tarifas que os urbanos.