O BNG de Muxía presentou alegacións á ordenanza municipal de prezos públicos do servizo de conciliación ConciliaMux e solicitou a súa nulidade por non cumprir co procedemento legal establecido. Segundo explicou a formación nacionalista, a ordenanza foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 10 de decembro e publicada no Boletín Oficial da Provincia sen abrir previamente o obrigatorio período de información e audiencia pública de trinta días, tal e como marca a Lei de Bases do Réxime Local.
Os nacionalistas reclaman que a ordenanza sexa sometida a exposición pública antes da súa aprobación definitiva e propoñen que inclúa bonificacións para familias en situación de vulnerabilidade social e económica. Entre as medidas plantexadas figuran descontos do 75 % e do 50 % en función da renda per cápita, bonificacións para familias monoparentais, numerosas e para segundos e sucesivos irmáns usuarios do servizo, así como reducións de ata o 95 % da cota nos casos avalados por informes de Servizos Sociais.
A concelleira do BNG, Mercé Barrientos, lembrou que xa no pleno no que se informou dos prezos do servizo advertiran da necesidade de contar cunha ordenanza previa que recollese estas bonificacións, e defendeu que a normativa debe elaborarse de novo e seguindo correctamente o procedemento administrativo.