O BNG de Muxía reclamou ao goberno local acción inmediata para mellorar a cobertura de telefonía, internet e TDT no municipio, tras constatar que varias parroquias e o propio núcleo urbano continúan a sufrir cortes frecuentes, que se intensificaron nas últimas semanas.
Os nacionalistas lembraron que o Concello non se adheriu en 2025 á iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) destinada a mellorar a conectividade en zonas illadas, nin informou á axencia dos problemas existentes, trámite necesario para acceder ás melloras.
A portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, destacou que “dotar de conexión ás parroquias e á capital é esencial para fixar poboación, facilitar a vida da veciñanza e impulsar a economía local, especialmente o sector da hostalaría”.
Barrientos insistiu na necesidade de instalar novas antenas móbiles e de acometer melloras no repetidor do Seixo, que da sinal de televisión á parroquia de Frixe, afectada por cortes cando as condicións meteorolóxicas son adversas e con zonas de sombra en lugares como a Grixa, onde a grella de TDT completa non é accesible.