O BNG de Muxía presentou varias propostas para o POS 2026, destacando a inclusión dun plan de limpeza e mantemento das estradas municipais, o arranxo do tramo Agranzón-Senande e a pavimentación do vial a Agrodosío.

A portavoz nacionalista, Mercé Barrientos, pediu tamén a licitación de prazas de estacionamento especiais para persoas con mobilidade reducida, así como a mellora da sinalización de pasos de peóns e zonas de carga e descarga.

Entre os proxectos considerados fundamentais, o BNG sinala a dotación de auga potable nas parroquias que carecen dela, a instalación e reparación de depuradoras para evitar a contaminación do río Castro e das praias, e a reparación de accesos a Barreira de Leis, Lago, Area Maior e Borreiros.

Barrientos instou ao goberno municipal a garantir financiamento para estas actuacións e a priorizar investimentos sostibles que respondan ás necesidades da veciñanza.