Vimianzo acollerá o domingo 11 de xaneiro a única proba de Dúatlon Cros que se celebrará en Galicia ao longo de 2026. Trátase da 17ª edición do Dúatlon de Reis, unha cita xa consolidada no calendario deportivo galego.

A proba disputarase na parroquia de Salto e contará con dúas distancias. A SuperSprint dará comezo ás nove e media da mañá e incluirá o Campionato Galego nas categorías cadete, xuvenil e júnior, ademais da proba popular. Pola súa banda, a distancia estándar sairá ás once e media e acollerá o Campionato Galego absoluto e a competición de relevos.

O percorrido manterá o trazado dos últimos anos, moi coñecido polos participantes habituais. A organización ofrecerá servizos de gardarroupa, lavado de bicicletas e duchas, ademais do tradicional chocolate e roscón de Reis ao remate da xornada.

Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, destacou que se trata dunha proba “ineludible para os centos de corredores e corredoras que cada ano escollen Vimianzo para comezar a tempada cunha competición de primeiro nivel”.
As inscricións xa están abertas a través da web da Federación Galega de Tríatlon.