O BNG de Camariñas reiterou a necesidade de acometer unha mellora profunda na estrada provincial DP-1601, que une Ponte do Porto con Camelle, ao considerar que o estado actual da vía require unha intervención máis ampla que un simple asfaltado.
A formación nacionalista sostén que esta estrada presenta un “elevado nivel de sinistralidade”, cun rexistro de máis de vinte accidentes de distinta gravidade en menos de dous anos. Segundo indicou, os episodios de mal tempo incrementan o risco, aínda que asegura que tamén en períodos de bo clima se producen sinistros. Como exemplo, o BNG citou tres accidentes ocorridos durante o verán, “algún deles de gravidade”.

Accidentes con frecuencia
O portavoz municipal do grupo nacionalista, Xurxo Rodríguez, lembrou que en setembro presentou unha moción no Concello para que a Corporación instase á Deputación da Coruña a habilitar partida orzamentaria para unha reforma completa da DP-1601. A proposta solicita mellorar o trazado e incorporar medidas de seguridade acordes coa normativa vixente.
Rodríguez indicou que o BNG leva anos advertindo da situación desta estrada, que conecta dúas das principais localidades do municipio. O portavoz asegurou que na vía “se producen accidentes con frecuencia” e insistiu en que é preciso actuar “con urxencia” para substituír unha infraestrutura “que non garante condicións adecuadas de seguridade”