O Concello de Camariñas celebrou un pleno extraordinario no que se deu luz verde ao proxecto e á solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para acometer a primeira fase do futuro Museo dos Naufraxios.

A proposta do goberno de Sandra Insua saíu adiante co voto favorable do PSOE, a abstención do Partido Popular e o voto en contra do BNG. O investimento total previsto ascende a 430.000 euros, dos que 330.000 serían achegados pola Deputación e os restantes 100.000 pola administración local.

Primeira fase

Segundo explicou o goberno municipal, neste primeiro tramo das obras prevese acondicionar parte da planta baixa da antiga lonxa vella para instalar a Sala de Exposicións “Beti Donosti”, realizar servizos básicos e crear un espazo público conectado por unha zona común con acceso exterior.

O proxecto inclúe reparacións e consolidación da estrutura e actuacións na envolvente exterior para frear o deterioro do inmoble, deixando para unha segunda fase a adaptación da planta alta.

Queixas do Partido Popular

Desde a oposición, o PP criticou duramente o procedemento seguido polo executivo socialista. A portavoz popular, Paula Mouzo Mas, lamentou que non se convocase a preceptiva comisión informativa antes de levar o tema a pleno, o que obriga a votar unha urxencia que considera “dubidosa”.

Mouzo afirmou que o seu grupo non dispuxo de tempo suficiente para estudar o proxecto e que tampouco se lles escoitou. Engadiu que non ven claro que exista un plan de xestión ou de viabilidade para o futuro museístico e, por iso, optaron pola abstención.

BNG opónse

Pola súa banda, o BNG rexeitou que o Concello asuma a rehabilitación dun edificio que non é de titularidade municipal, lembrando que pertence a Portos de Galicia.

O voceiro nacionalista, Xurxo Rodríguez, propuxo que sexa este organismo o que financie a reforma e que os fondos locais se destinen a crear zonas de xogos e mellorar o parque infantil de Camelle.

Ademais, recordou que xa en febreiro presentaron unha emenda para retirar a partida destinada á lonxa e reclamar a Portos a conservación do inmoble.