O Concello de Camariñas, en colaboración coa asociación Mar de Fábula, puxo en marcha unha campaña de concienciación ambiental para promover o coidado do mar e da contorna natural. Baixo o lema “Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte”, a iniciativa busca implicar á veciñanza na protección do litoral e na correcta xestión dos residuos.
A campaña inclúe o reparto dun tríptico informativo en todos os domicilios do municipio, con mensaxes sobre boas prácticas ambientais e sobre os efectos negativos do lixo mariño nos ecosistemas costeiros. Ademais, desenvolveranse varias reunións divulgativas nas parroquias para explicar os obxectivos do programa e recoller propostas cidadás.
Calendario de encontros
O primeiro dos encontros será este venres, 10 de outubro, ás 19.00 horas na Casa de Pedra de Camariñas. Posteriormente haberá sesións o 24 de outubro en Camelle-Arou, o 7 de novembro na Ponte do Porto e o 21 de novembro en Xaviña.
Tanto o Concello como Mar de Fábula animan á veciñanza a participar activamente nestas citas, recordando que a protección do medio mariño é unha responsabilidade compartida e que cada pequeno xesto suma para conservar o patrimonio natural do municipio.